Wednesday 15 de May de 2024

Melchor, Gaspar e Baltasar enchen de ilusión a Alameda


O Concello organizou a tradicional cabalgata na que centos de nenos e nenas tiveron ocasión de poder falar e lembrarlles persoalmente as súas peticións

Máis de 2000 nenos e nenas recibiron en Ordes ás SSMM os Reis Magos, que este ano chegaron en coches descapotables nos que cubriron o traxecto que vai dende a avenida Alfonso Senra ata a Alameda de Ordes. No percorrido toda a rapazada, acompañada de pais, nais e demais familiares e amigos, non pararon de aplaudir e recoller os caramelos e doces lanzados por Melchor, Gaspar e Baltasar.

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, acompañado dos concelleiros do seu equipo, foi o encargado de recibilos na entrada principal do Concello, quen tras os saúdos protocolarios fíxolles entrega das chaves da vila. Inmediatamente a comitiva dirixiuse ata a carpa instalada na Alameda, onde os agardaban os tronos reais sobre os que os nenos e nenas tiveron ocasión de falar cos protagonistas da xornada máis máxica do ano. Un amplo espazo ambientado con murais e marcado por unha decoración colorista e variada no que, un por un, os pequenos e pequenas puideron lembrarlles as peticións feitas a través das súas cartas.

Pastoriños, anxos e preto de 100 figurantes participaron neste acto, no que novamente se contou coa colaboración doutras asociacións e agrupacións como a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Ordes, e a Asociación Camiño Real de Poulo. Tampouco faltaron outras atraccións, como a globoflexia ou cañóns de neve artificial. Como novidade este ano o Concello activou un protocolo especial de seguridade co fin de evitar calquera tentativa de atentado terrorista.